A Gudiña

O concello da Gudiña está situado no extremo sureste da provincia de Ourense. Pertence ó Partido Xudicial de Verín, á Comarca de Viana do Bolo e forma parte da Mancomunidade Conso-Frieiras. Ten 179,06 kms. cadrados de extensión. Linda cos concellos de Viana do Bolo polo Norte, Vilariño de Conso polo Noroeste, Castrelo do Val polo Oeste, Riós polo Suroeste, A Mezquita polo Leste e con Portugal polo Sur.

Actualmente, os 1.600 habitantes con que conta o concello residen nas parroquias de Barxa (San Xoán) co Seixo; O Canizo (Santa Maria); Carracedo da Serra (Santiago) co Mesón de Campairos; A Gudiña (San Martiño e San Pedro) coa Venda do Espiño; Parada da Serra (San Lucas) coa Venda da Capela; Pentes (San Mamede) con Herosa, Mesón de Herosa, Mesón do Purrián e Venda da Teresa; San Lourenzo (San Lourenzo); e O Tameirón (Santa Maria).

No clima destacan os veráns calorosos e secos, mentres que os meses de inverno son chuviosos e fríos. Na rede hídrica os ríos Mente, Diabredo, Ribeira e Ribeiriña son tributarios do Douro, mentres que as augas do Veiga e Carracedo van dar ó Sil.

O terreo caracterízase por unha orografía moi accidentada, os cumes dos montes sobrepasan frecuentemente os 900-1000 metros de altura, con afloracións rochosas de pizarra e pedra gra, e con lombeiros e cabezos aplanados debido á influencia da erosión.

Na flora hai unha importante masa arbórea composta principalmente por bosque de carballos, piñeirais e soutos de castiñeiros. Especies propias do concello tamén son a carqueixa, uz, xesta, toxo, madroño, etc.

No espazo de monte habita unha variada fauna, destacan especies coma o xabarín, teixo, raposa, coello, lebre, corzo, etc. Entre as aves hai presenza de cegoña, pomba salvaxe, cordorniz, pato, gabián ... e outras de menor tamaño. Tamén abundan batracios, anfibios e reptís, que teñen aquí un hábitat propicio.

A GudiñaA GudiñaA Gudiña
Estrada Xeral, 30
32540 A Gudiña. Ourense
Tel.988 421 195